03/12/2022
🔴 DENUNCIAN NA FISCALÍA A OFERTA DE ESTABILIZACIÓN DE EMPREGO PÚBLICO DO CONCELLO DE LALÍN
ℹA Federación de Atención á Cidadanía da UNIÓN SINDICAL OBREIRA en Galicia (FAC-USO Galicia) presentou un escrito ante a Fiscalía Provincial de Pontevedra en relación á Oferta de Emprego Público para a Estabilización do Emprego Temporal (OEPEET) do Concello de Lalín.
👉FAC-USO recorreu a OEPEET pola inclusión de novas prazas, incumprindo o requisito dunha "praza de natureza estrutural que estivese ocupada, de forma temporal e ininterrompidamente, polo menos, no tres anos anteriores a 31 de decembro de 2020", recurso de reposición que, a día de hoxe, non foi resolto.
▶️Paralelamente, o sindicato tivo coñecementio dun borrador de bases "que arrastraría e consolidaría a desfeita e situaría aos futuros titulares desas prazas nunha situación de inseguridade xurídica, total e absoluta".
➡️Explican que algunhas desas prazas a estabilizar, relacionadas co deporte e a actividade física, inclúense nunha categoría profesional que contradí a Lei galega do Deporte, nunha categoría inferior, non esixindo titulación en materia de deporte e actividade física. Por exemplo, din dende o sindicato, para o Coordinador de Deportes a titulación única esixida é Licenciatura ou Grao en Psicoloxía.
📌O pasado 29 de outubro, USO instou a resolución expresa do seu recurso, así como que FAC-USO Galicia fose convocada ás próximas Mesas Xerais de Negociación. O 24 de novembro tivo lugar unha Mesa de Negociación na que "o alcalde de Lalín admitiu, expresamente, que se recualificaron algunhas prazas (promoción interna encuberta), se funcionarizaron outras e que iso supón un aumento do gasto en materia de persoal".
👉Desde FAC-USO critican "o 3 en 1: que se aproveitou a estabilización para funcionarizar varias prazas e, ao mesmo tempo, facer unha promoción interna encuberta".
🚩Fronte a isto, defenden que "a OEPEET supón un incumprimento flagrante, manifesto e patente da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, por varios motivos:
▪️Creación de novas prazas non preexistentes, de categoría superior, prazas de nova creación que non é posible estabilizar.
▪️Funcionarización de postos de persoal laboral de inferior categoría a prazas de persoal funcionario de superior categoría.
▪️Incremento de gasto en materia de persoal.
▪️Promoción interna realizada de forma encuberta.
▪️Paralela amortización das prazas preexistentes, que desaparecen.
▪️Incremento de xornada da praza de Arquitecto, en contra do establecido por unha resolución xudicial firme.
Desde FAC-USO anuncian que emprenderán "todas as accións legais oportunas co obxecto de defender os dereitos lexítimos dos nosos afiliados que se viron vulnerados".